martes, 1 de noviembre de 2016

MONUMENTO AO AVIADOR LORIGA, LALÍN

Este video que colgou no facebook a miña amiga Mª Carmen Aparicio levoume a escribir algo sobre o monumento de Asorey:


http://www.crtvg.es/informativos/lalin-2430513


O video fala sobre a vida deste aviador nacido en Prado, Lalín, morto traxicamente en 1933. De familia fidalga, os Taboada, Xaquín Loriga ten unha dobre conexión con Cambados: porque Asorey fixo o seu monumento e porque  parentes seus da familia Taboada residiron en Cambados, no Pazo que se chamou dos Taboada, ou máis tarde de Silva (pola familia do avogado cambadés que o mercou). Nos xardíns dese pazo tivo lugar a homenaxe que se fixo a Asorey en 1922. A horta e xardíns vendéronse e edificáronse e a casa consérvase moi modificada. A fachada dá á praza Ramón Cabanillas (alí estivo un tempo un supermercado Moldes).

Como se di no video os veciños de Loriga estaban xuntando cartos para mercarlle un avión, pero a morte deste levou a que decidiran utilizalos para facerlle un monumento. É un dos mellores que fixo Asorey, na miña opinión. Moi sinxelo e xeométrico como lle gustaba facer as súas esculturas. É unha cruz pero tamén un aeroplano caído que se crava no chan. Consigue así un efecto conmemorativo e funerario a un tempo.

Fotos: M. Iglesias


Tamén é moi simétrico, Asorey gosta da simetría, quizais por influenza da arte románica e do que escribiu Emile Mâle, (cuxos libros sobre arte medieval estaban case sempre abertos para consulta no seu obradoiro) de que a simetría "era considerada no medievo como a expresión sensible dunha armonía misteriosa". No centro, por suposto está a figura de Loriga, con traxe humilde de mecánico, coas mans xuntas sobre a hélice do seu avión. Mestura pedra e bronce: na cara, nunha man. Na outra, cuberta cunha luva, agarra un mapa. O monumento é simétrico, a figura tamén, e a hélice marca un eixe que divide en dúas partes a escultura na que unha perna se adianta, como en tantas outras obras que fixo. É o único elemento que rompe a quietude e parécese  as esculturas exipcias que se colocaban na tumba dos difuntos e que indicaban simbólicamente a entrada no "reino de poniente", o reino dos mortos. Asorey xoga sempre cos contrastes, co contrapunto, como nas obras musicais, pedra e bronce, pedra lisa (no fondo), con pregues na figura, traballada co cicel na hélice e na base. 



 
E máis abaixo do monumento figuras femininas alegóricas, da viaxe que lle dou fama: ESPAÑA-FILIPINAS. Tamén simétricas. E debaixo unha sinxela coroa en bronce metade de loureiro, a árbore grega da vitoria, e metade de follas de carballo, a nosa árbore mítica. 

Non se pode dicir máis con menos.