miércoles, 31 de octubre de 2018

UNHA VIAXE AO PAÍS DOS CÁTAROS


Escultura románica en Compostela, Jaca e Toulouse



Escoitádeme, non son un herexe.
Teño muller , coa que me deito, e teño fillos,
Como carne, minto e xuro, son un bo Cristián!!.

Jean Tisserand, acusado de ser cátaro
 



Este verán tiven ocasión de viaxar ao Languedoc francés. Foi en certo xeito facer o Camiño de Santiago á inversa (pero non andando): Compostela-Jaca-Toulouse-Moissac-Conques-Arles. Seguindo máis ou menos as vías Podense e Tolosana. Algo similar fixo o bispo Xelmirez a principios do s. XII para ir en peregrinación a Roma. Debeu ser unha viaxe excepcional, con todos os obradoiros de canteiros das igrexas do Camiño fervendo de traballo. Estábase facendo un conxunto escultórico románico de primeira categoría que culminaría na segunda metade do s. XII no Pórtico da Gloria, o Partenón galego, que dixo Emilia Pardo Bazán.

Para min, o gran descubrimento desta viaxe foi a calidade da escultura románica das igrexas e abadías que visitei. Unha das grandes sorpresas que tiven (logo viñeron outras) foi a contemplación dun capitel no museo da catedral de Jaca do que nunca oíra falar. É o chamado capitel do sátiro. Fai referencia o nome á escultura núa que decora unha das caras do capitel que destaca pola calidade escultórica que ten e pola influenza clásica que reflicte.




A viaxe permitiume sacan algunhas conclusións e apuntar novas hipóteses sobre a escultura románica do camiño de Santiago:


1- O florecemento escultórico e cultural que se produce en Europa a finais do s. XI e no século XII hai que poñelo en relación coa crise relixiosa que se vive en occidente neses anos.


No ano 1075, en que se poñen as primeiras pedras da catedral románica de Compostela, en Roma o recén elixido papa, Gregorio VII, estaba desenvolvendo a chamada Reforma Gregoriana. Occidente vivía nese século un ansia de retorno aos ideais evanxélicos. A Igrexa Católica convertérase nunha instancia de poder máis preocupada polo material que polo espiritual. Caíra en vicios como a Simonía (venda de cargos eclesiásticos) ou o Nicolaísmo (desenfreo sexual dos clérigos). Esta necesidade de reformar a Igrexa seguirá diferentes camiños. Dende a elite relixiosa a citada Reforma Gregoriana ou tamén a reforma das ordes monásticas como a de Cluny. Dende as bases, movementos de tipo gnóstico como o Catarismo que prendeu de xeito intenso no territorio do Languedoc.

A Reforma Gregoriana trouxo a prohibición do matrimonio dos curas (en gran medida para evitar que os fillos herdasen as súas propiedades) e a afirmación do poder espiritual de Papa e clero por riba do poder laico da nobreza ou do Emperador xermánico. Foi a chamada Querela das Investiduras que tardou décadas en solucionarse. Por outra banda na Abadía de Cluny impoñíase a orde na vida monástica e o seu exemplo estendíase por Francia nos centros a ela asociados.

Pero a preocupación reformista estendeuse tamén a outras esferas e xurde así o movemento Cátaro ou Albixense. Inspírase en ideas que veñen de Oriente, dende Persia (Zoroastrismo) ou Bizancio (Bogomilos de Tracia). Supón unha concepción maniquea da realidade: loita entre o ben (deus) e mal (demo). A Terra foi creada polo demo, todo o material foi creación do diaño, fronte a deus (que representa o espiritual). Cren na reencarnación e que o ser humano debe intentar saír da súa impureza material e achegarse a deus a través dunha vida ascética. Defenden a abstinencia sexual e son vexetarianos. Rexeitan a xerarquía da Igrexa Católica, os bispos son elixidos por todos, homes e mulleres son considerados iguais. Negan a maior parte dos sacramentos, a encarnación divina de Cristo (era só un home) e a transubstanciación na misa (é pan e viño non corpo e sangue de Cristo). Hai quen considera que adiantaron aspectos que logo se deron na reforma Luterana, 400 anos despois.

Obviamente a xerarquía católica viuse ameazada e reaccionou con furor. É proclamada herexía e os seus seguidores queimados vivos se non se retractan. A herexía estendérase por toda Europa, pero especialmente no Languedoc francés, protexida pola nobreza francesa e aragonesa rival da dinastía capeta que gobernaba no norte de Francia e era aliada do Papa. Contra iso o papado lanza unha cruzada e créase por vez primeira o tribunal da Inquisición. O nobre francés Simón de Montfort destácase na represión. Tardouse, pero no s. XIV apenas queda rastro do movemento cátaro. Hai tamén unha gran relación entre o catarismo e o movemento dos trobadores que xorde nesta época.

A influenza dos artistas franceses que traballan no Languedoc é moi grande en Compostela e en moitas igrexas do Camiño de Santiago francés. Non habería que ter en conta este ambiente espiritual para interpretar moitas das obras románicas? A representación na porta Miégeville de Simón o mago representando a simonía ou en Pratarías a natureza divina e humana de Cristo reflicten a preocupación da Igrexa Gregoriana para loitar contra as ideas cátaras?


2- O chamado mestre da Porta Francíxena e o Mestre da Transfiguración, son o mesmo artista, que tamén traballou na Porta Miégeville de Toulouse.


Un dos máis importantes investigadores das portada románicas (norte e sur) da catedral de Santiago é Manuel Castiñeiras (discípulo do finado S. Moralejo). Este afirma (ver artigo) que as esculturas da portada sur de Pratarías na Catedral de Santiago pertencen aos seguintes artistas: o que el chama mestre da Porta francíxena (ou norte, a onde chegaban os peregrinos do Camiño de Santiago francés) que fixo esculturas como: o rei David, a creación de Adán, a Eva coa caveira ou a muller co león; por outro lado traballan tamén, o por el chamado mestre de Conques ( da portada de sta. Fe de Conques no Languedoc) que fai os relevos do tímpano esquerdo de Praterías, os das tentacións de Cristo; o mestre da Traición, que traballa os relevos do tímpano dereito (como o bico de Xudas) e o mestre da Transfiguración, que fai as esculturas de mármore colocadas no friso da portada e que se pensa proceden dunha portada oeste inconclusa ou derrubada.

A análise que vou facer a continuación para demostrar que o mestre da porta francíxena, o da transfiguración e o da porta Miégeville son o mesmo artista é fundamentalmente formal. Corresponde agora aos especialistas aceptalo ou refutalo se non cadra cos límites cronolóxicos ou coa información documental.


O capitel do museo da catedral de Jaca foi a chave para establecer a relación. Corresponde a un dos capiteis do claustro non conservado da catedral que se utilizou moitos anos como base para un altar. Recentemente foi recuperado dese lugar (ver enlace), restaurado e exposto no museo catedralicio. O capitel ten una excepcional calidade e como veremos, grandes similitudes coas esculturas da porta Miégeville e con Pratarías.



No capitel de Jaca aparecen dúas mulleres nas esquinas do capitel a modo de atlantes que suxeitan o cimacio, no medio un león. En Toulouse temos na “mocheta” da portada, tamén a dúas mulleres agarrando a cabeza de cadanseu león. A interpretación que Francisco Prado Vilar (outro gran estudoso do románico) dá para o capitel de Jaca é de que o León representa a Cristo e a súa resurrección, os cachorros de león seica nacen mortos, e tres días despois de nacer son revividos polo pai, de aí a similitude con Cristo. Existe ademais noutra cara dese capitel a representación dun paxaro, que el interpreta coma unha Ave Fénix, a que renace das súas cinzas, símbolo tamén da resurrección de Cristo. Porén esta interpretación pode que non valga para Miégeville ( ver enlace) onde os leóns que se repiten constantemente, probablemente teñen una connotación negativa, símbolo de pecado. Esas figuras de mulleres coas fazulas avultadas e os ollos amendoados para min son similares en Jaca, Toulouse e Pratarías. A iso habería que unir as pernas cruzadas, os pregues en U ou as garras dos leóns.

Existen máis conexións entre o capitel de Jaca e Toulouse. Outro capitel conservado no museo catedralicio de Jaca parece corresponder ao mesmo autor .



Outra vez aparece una muller de fazulas avultadas e un león na esquina. Unha decoración de “roleos” no cimacio do capitel, con figuras que lembran ao paxaro ou Ave fénix do capitel do sátiro e o estilo deses mesmos enrolamentos aparece no tímpano de Toulouse. Unha decoración con follas traballadas con trépano que nos conecta tamén con Santiago na seguinte imaxe de Abraham:







Dáse tamén a circunstancia de que existe outro Abraham na porta Miégeville, o que nos permitirá abundar máis adiante nas relacións iconográficas que tamén existen entre Santiago e Toulouse.

 Seguindo coas formas na imaxe pódese ver a similitude entre os paxaros que existen baixo o Abraham de Pratarías e os que aparecen por detrás da “mocheta” dereita das dúas mulleres da porta Miégeville. En Toulouse as imaxes de leóns e paxaros repítense constantemente e crese que teñen una connotación negativa, como símbolos do mal. Os apóstolos que se sitúan aos lados da porta son : Pedro que pisa uns leóns e Santiago que pisa uns paxaros. León e paxaro aparecen tamén no capitel do sátiro de Jaca, pero Prado-Vilar interprétao nun sentido ben diferente.




Nesta outra imaxe vemos que  na figura de Santiago  as aves que están aos seus pés son similares á ave fénix do capitel de Jaca:




Tamén nesta imaxe de Santiago de Miégeville hai concomitancias con Pratarías, co Santiago entre cipreses que tamén aparece alí ou esas mans grandes e o tratamento do pelo que se repite no Abraham.

Poderiamos sinalar moitas máis similitudes formais, pero é que tamén as hai na iconografía. En Toulouse está representada a Ascensión de Cristo no tímpano, e a un lado e outro Santiago e Pedro. A presencia de Pedro e Pablo na Porta de Miégeville tense relacionado co feito de que Toulouse é un punto intermedio no Camiño entre Santiago e Roma. Pero en Pratarías tamén estaban Pedro e Pablo, así o conta o libro V do Códice Calixtino:

En la parte superior, sobre las cuatro puertas, hacia el triforio de la iglesia, bellamente destaca una admirable composición de piedras de blanco mármol. Está, pues, allí el Señor de pie, San Pedro a su izquierda llevando sus llaves en las manos, y Santiago a la derecha entre dos cipreses, y San Juan, su hermano, junto a el; pero también a derecha e izquierda están los demás apóstoles.


Liber Sancti Jacobi “Codex Calistinus”. Libro V, traduc. De A. Moralejo e outros, Xunta de Galicia, Santiago, 2004, pax. 86


O Códice Calixtino foi escrito probablemente por Americ Picaud despois de visitar en peregrinación Compostela en torno a 1130. Dende entón a fachada de Pratarías sufriu destrucións e remodelacións e na portada que vemos hoxe hai moitos cambios respecto da orixinal. Con todo o Santiago do que fala o Calixtino debe ser o mesmo que hoxe vemos, e ao seu lado pode que se atope Xoán, están as dúas esculturas feitas en mármore, como narra Picaud. Falta o san Pedro, cuxo espazo foi recheo por López Ferreiro con esculturas do coro mateano. E o Señor, en pé ( de trazas mateanas) debeu ser realizado posteriormente pero colocado no lugar que indicaba o Calixtino.


 



En vista do exposto propoño aquí outra hipótese:

O mestre de Toulouse puido traballar nas tres portadas da catedral, a norte foi derrubada no s. XVIII e parte das esculturas trasladadas a Pratarías, onde hoxe están . Na de Pratarías tamén traballou e fixo as esculturas de mármore de Pedro, Santiago, Xoán e outros apóstolos das que fala o Calixtino, incluídas as columnas de mármore e os capiteis que lembran o seu estilo tamén. Probablemente tamén traballa nas esculturas da portada oeste ou da Transfiguración, das que tamén fala o Calixtino e á que pertencería o Abraham de Pratarías que ten una inscrición nese sentido. Unha destrución acontecida nas fachadas sur e oeste posteriormente aos anos trinta en que se escribe o Calixtino e anterior á construción do Pórtico da Gloria (1168-1188), obriga á remodelación de Pratarías e á construción dunha nova fachada oeste, que fará Mateo. O chamado Beau Dieu de Praterías, de estilo claramente mateano, podería haber sido colocado por vontade do Mestre Mateo para substituír ao anterior destruído. Deste xeito Mateo remata a portada oeste e recompón a sur e no seu afán de dar unidade a toda a basílica repite moitos elementos das outras portadas no seu Pórtico da Gloria: motivos decorativos como as palmetas ou os roleos, as tres columnas de mármore, anxos trompeteiros, paxaros peteirando  lianas...





A figura do Santiago de Praterías leva a inscrición de ANF REX, que J. Williams (citado por M. Castiñeiras) interpreta como que é colocada cando se produce a coroación por Xelmirez, como rei de Galicia, de Afonso Raimundez, o futuro emperador hispánico, Afonso VII, e polo tanto en 1111, que Manuel Castiñeiras considera a data de remate da portada de Pratarías. Este detalle aporta unha data concreta que nos permite establecer a época na que está o mestre de Toulouse traballando en Santiago. Non sería polo tanto o Santiago de Pratarías unha escultura procedente da portada oeste, a chamada da Transfiguración, baseándose na narración do Calixtino. Outros apóstolos feitos en mármore que adornan aínda hoxe o friso de Pratarías puideron haber sido feitos por este mestre ou pola súa escola de canteiros.

3- O mestre de Toulouse mostra unha forte influenza clásica, que se explica pola súa procedencia languedociana. 


A rexión francesa do Languedoc estivo fortemente romanizada. A vía Tolosana do Camiño de Santiago repite a vía romana que conducía de Nimes e Narbona á Tolosa romana. Restos desa presenza son o acueduto de Pont du Gard, os anfiteatros de Nimes e Narbona ou o arco de Trunfo de Orange. Esa tradición clásica continúa nos escultores de sarcófagos da época paleocristiá. Numerosos deberon ser os obradoiros de sarcófagos que existinon no Languedoc na época romana e esta forma de traballar seguro que non a esqueceron os escultores medievais desa rexión francesa e é posible vela en igrexas como s. Trophine de Arles.





O mestre de Toulouse coñece tamén esa tradición. Consérvase no museo dos Augustiños de Toulouse procedente de s. Sernin, un relevo que representa a dúas mulleres portando no regazo un león e un año. A escultura leva unha inscrición que di: “SIGNU(M) LEONIS. SIGNU(M) ARIETIS HOC FUIT FACTUM TEMPORE IULII CESARIS” é dicir “Signo do león. Signo do Cordeiro. Isto foi feito no tempo de Xulio César”. A cartela do museo interpreta a imaxe no sentido de que se estaría representando a dobre natureza de Cristo, porque o año lembra o sacrificio de Cristo e o león a súa resurrección. Non sería feito polo tanto na época de Xulio César cando se fixo este relevo escultórico, pero o artista fai un intento de facer ver que é unha obra antiga, para resaltar o seu prestixio.

Para min é claro que o artista que fixo este relevo é o que traballa na porta Miégeville e tamén en Pratarías e Jaca, onde fai ese extraordinario capitel do sátiro coa figura núa, que a dicir de Prado-Vilar é “o nu máis fermoso da idade media”.








E remato xa:

4- Existen grandes similitudes entre a escultura do Mestre Mateu e os talleres escultóricos do Languedoc francés o que leva a pensar que ou Mateu era francés ou se formou artisticamente no Languedoc, como o mestre de Toulouse .

Existen detalles estilísticos, como o tratamento dos pregues, a repetición dos roleos e outros motivos decorativos, as pernas cruzadas, leóns e paxaros mordendo lianas. Detalles técnicos como o uso repetido do trépano. Iconográficos como a repetida presenza do rei David, de Abraham, de Moisés, as referencias ao antigo e novo testamento, a nova e a antiga lei, o apóstolo Santiago sentado sobre un trono pisando leóns, o mal, como o David de Pratarías. As referencias á natureza divina e humana de Cristo que preside a Gloria pero mostra as chagas da paixón, mentres os anxos inferiores ensinan os instrumentos cos que foi torturado…




Todas as fotografías son de M. Iglesias e poden ser reproducidas libremente (sen ánimo de lucro) citando a autoría